A Deputación da Coruña abre o prazo para solicitar axudas do PEL para autonómos: ata 2.400 euros

Persoas con máis de 5 anos de exercicio empresarial de concellos pequenos pódenas  solicitar desde este venres 

Redacción COPE Coruña

Coruña - Publicado el - Actualizado

2 min lectura

      
      
             
      

A Deputación das Coruña publica este xoves no BOP a convocatoria da nova liña de axudas para profesionais autónomos consolidados, destinada a sufragar con ata 2.400 euros parte das súas cotas á seguridade social do ano 2024. 

Todas as persoas interesadas poderán presentar as súas solicitudes dende este venres, 27 de setembro ás 00:00, ata o 25 de outubro ás 14.00 horas a través da plataforma de tramitación telemática de subvencións SUBTeL: https://sede.dacoruna.gal/subtel/

Poderán ser beneficiarias todas as persoas autónomas que conten cun mínimo de cinco anos continuados de actividade empresarial e domicilio fiscal nun concello de menos de 10.000 habitantes da provincia da Coruña e que non estean a percibir outras axudas públicas ou privadas para o sufragar as súas cotas sociais.

motor da economía

Con estas axudas, a Deputación da Coruña recoñece o importante papel que xogan as persoas profesionais autónomas no tecido económico provincial, motor das economías locais. Deste xeito dáse resposta ás demandas do colectivo, destinando a esta nova convocatoria 2,6 millóns de euros para os/as autónomos/as das zonas máis rurais da provincia que se suman aos máis de 2,3 millóns concedidos na convocatoria de PEL-Autónom@s 2024 publicada a comezos deste ano.

As persoas autónomas poden solicitar unha axuda máxima de ata 2.400 euros para sufragar unha parte das súas cotas á Seguridade Social, concretamente 200 euros por cada mes de cota subvencionable. Establécese tamén como requisito que a persoa beneficiaria solicite un mínimo de seis mensualidades de cotas sociais correspondentes ao ano 2024, o que se correspondería cunha subvención mínima a conceder de 1.200 euros.

o plan de emprego local

Esta liña de axuda a persoas profesionais autónomas consolidadas forma parte do Plan de Emprego Local (PEL), unha aposta transversal do goberno da Deputación á que se destinaron 113 millóns de euros nos últimos anos a través de diferentes liñas de axudas para contratar persoal, impulsar o emprendemento, apoiar o crecemento dos pequenos negocios e dos traballadores e traballadoras autónomos/as. Desde o seu inicio, o PEL permitiu a creación de 7.176 empregos nos sectores público e privado.

      
             
      

Máis información sobre as axudas do Plan de Emprego Local  está dispoñible na páxina web pel.gal

Temas relacionados