Máis cortes na rúa San Andrés desde o martes: comeza a segunda fase de reurbanización
Cortarase a rúa desde a praza de Pontevedra. Consulta os cambios nos buses
Coruña - Publicado el - Actualizado
3 min lectura
O vindeiro martes, 6 de agosto, comezará a segunda fase dos traballos de reurbanización das rúas de San Andrés e Sol na Coruña. Suporá o corte total ao tráfico rodado en ambos sentidos entre Santa Catalina e a praza de Pontevedra.
O Concello investe nestes traballos 3,2 millóns de euros coa finalidade de humanizar e adaptar unha das principais arterias da cidade e reforzar o seu carácter comercial. A rúa gañará espazo para a mobilidade peonil e será naturalizada, devolvéndolle a súa imaxe orixinal coa plantación de máis de 80 novas árbores. Serán moreiras de Valdeorras, unha variedade que xa existía en San Andrés a finais do século XVIII. As moreiras serán dunha variedade sen froito para evitar as manchas no pavimento.
O groso do conxunto da actuación levarase a cabo nesta segunda fase, logo de que xa se acometese a renovación dun 70% das canalizacións de fecais, pluviais, alumeado, rede eléctrica e telecomunicacións do conxunto da rúa. Ademais, o tramo entre Torreiro e Pórtico de San Andrés está rematado a falta de pequenos detalles de mobiliario e xardinería.
Cambios na mobilidade
Nesta segunda fase actuarase no conxunto da rúa, entre Pórtico de San Andrés e Juana de Vega (praza de Pontevedra). Isto suporá o peche ao tráfico rodado da rúa entre Juana de Vega e Santa Catalina, en ambos sentidos de circulación, para levar a cabo as tarefas de renovación das canalizacións, de instalación do novo pavimento e de creación das novas zonas verdes e instalación de mobiliario público. Tamén se inhabilitará o punto de carga e descarga da praza de Santa Catalina (San Andrés), que pasará a estar de maneira provisional durante o resto dos traballos na rúa de Santa Catalina. Tamén quedará inhabilitado o carril esquerdo do último treito da rúa Juana de Vega, o que da acceso a San Andrés, agás para os buses que circulan en dirección á praza de Pontevedra.
En canto ao transporte público, manteranse durante o resto da actuación os cambios activos desde abril nas rúas 4, 5, 6, 6A, 7 e 11. Ademais, a partir do día 6 haberá novos cambios nas liñas 3 (en sentido a Durmideiras) e 7 (en dirección a Avenida de Hércules). O seu percorrido trasladarase de San Andrés a Juan Florez e Cantón Grande desde Rubine, facendo novas paradas en Juan Flórez, 16 (nunha nova parada provisional xunto ao hotel Hesperia) e na praza de Mina. A parada das liñas 3 e 7 en dirección saída da cidade seguirá sendo a número 160, en Juan Flórez, 10.
O Concello da Coruña levará a cabo unha nova campaña informativa na rúa e nos autobuses afectados para informar á cidadanía das novidades dos traballos de reurbanización. Toda a información pódese atopar na páxina web: www.coruna.gal/sanandres.
San Andrés recuperará a súa esencia de bulevar
Coa reurbanización das rúas San Andrés e Sol o Goberno de Inés Rey busca recuperar a esencia de bulevar que tiña orixinalmente esta vía. Tras completarse os traballos, San Andrés pasará a estar disposta en formato de plataforma única. Haberá un carril por cada sentido de circulación para o tráfico rodado, de tres metros de ancho e feito a base de formigón desactivado. A un lado e ao outro disporanse, ademais, barreiras vexetais de 1,50 metros de ancho, que farán de elemento separador entre a calzada e as beirarrúas, que tamén se ampliarán e renovarán, con novas lousas de granito.
Ademais, tamén se gañarán espazos para as zonas de carga e descarga. A isto sumaranse, ademais, as melloras nos servizos públicos das redes de saneamento e iluminación: no primeiro caso, estanse a substituír os antigos colectores por uns novos, máis modernos e seguros, reforzados fronte a hipotéticas fugas; no caso da iluminación, nos báculos instalaranse novos dispositivos led. En paralelo, tamén se renovará o mobiliario urbano existente na rúa, unha medida que implicará, a maiores, a instalación de novas marquesiñas nas paradas de transporte urbano.
A este respecto, o Goberno de Inés Rey tamén acometerá traballos para a conservación do exemplar de Cercis siliquastrum —coñecido comunmente como a árbore do amor— situado no cruzamento de San Andrés coa rúa Santa Catalina.