O IES Lucus Augusti de Lugo homenaxea este venres ao profesor e escritor Xesús Alonso Montero
Docente no centro entre os anos 1960 e 1976, trátase dunha das figuras máis importantes do galeguismo do último terzo do século XX e de comezos do XXI
Lugo - Publicado el - Actualizado
2 min lectura
O IES Lucus Augusti de Lugo e un grupo de antigos alumnos organizan este venres unha homenaxe ao profesor e escritor galeguista Xesús Alonso Montero.
O acto público dará comezo ás 12:00 horas no vestíbulo do centro educativo.
Posteriormente, ás 12:30 horas celebrarase a cerimonia de recoñecemento no salón de actos do instituto, no que intervirán antigos alumnos e compañeiros do profesor, quen pechará o acto lembrando o seu paso polo centro entre os anos 1960 e 1976.
Por último, ás 14:30 horas terá lugar un xantar de confraternidade no restaurante do Hotel Méndez Núñez, con intervencións tamén de veciños e amigos.
Galeguista polo libro... e pola boca
Xesús Alonso Montero naceu en Vigo o 28 de novembro do ano 1928, aínda que pasou a súa nenez en Ventosela, no municipio ourensán de Ribadavia. Licenciouse en Filoloxía Románica na Facultade de Filosofía e Letras da Universidade Central entre os anos 1948 e 1953, e doutorouse nesa especialidade coa tese Lengua y estilo de Curros Enríquez en su poesía gallega, dirixida, na Universidade de Salamanca, polo profesor J.L. Pensado Tomé e defendida no ano 1966.
Foi catedrático de Lengua y Literatura Española na Escola de Maxisterio de Santiago entre 1956 e 1959, e de varios institutos en Palencia, no 1959; en Lugo, entre 1960 e 1976; e en Vigo, entre 1976 e 1983. Logo, exerceu como profesor titular de Literatura Española na Universidade de Santiago de Compostela (USC) no Campus de Vigo e, finalmente, catedrático de Literatura Galega na Facultade de Filoloxía compostelá entre os anos 1988 e 1999.
Autor de 60 libros e responsable de 40 edicións entre antoloxías e colectáneas de textos, publicou na prensa uns 3.000 artigos. É autor, tamén, de ducias de traballos de erudición e de crítica publicados en actas de congresos e en revistas académicas, e tamén prologou máis de 250 libros.
En canto aos seus temas predilectos, a historia e a erudición literarias, a sociolingüística e a análise crítica do discurso intelectual están moi presentes na súa caudalosa bibliografía.
Nos últimos anos ten feito incursións na poesía, na comedia de contido sociolingüístico e no relato.
Inxente como poucas é a súa produción oral en moi disntintos xéneros, entre os que se inclúen conferencias, mitíns, presentacións de libros ou elocucións clandestinas durante o franquismo.
No tocante á súa vida persoal, casou en Madrid coa súa colega Emilia Pimentel (1931-2004), nai dos seus tres fillos, Emilio, Xesús e Sara; e posteriormente coa rosalióloga Victoria Álvarez Ruíz de Ojeda (1961-2018).
No relativo a recoñecementos, foi nomeado fillo adoptivo de Ribadavia, é membro do Consello da Cultura Galega e presidiu a Real Academia Gallega (RAG) durante catro anos, entre 2013 e 2017.
Como confesión persoal, o profesor Alonso Montero ten asegurado en varias ocasións que os "dezaseis anos de ouro" da súa profesión de docente foron os de Lugo.