só o falan un 7% dos nenos
"Alianza" para defender o galego con base en Lugo
O goberno local pon en marcha unha iniciativa para promocionar o uso da lingua, un foro no que participan uns 70 colectivos socioculturais do municipio
Lugo - Publicado el
1 min lectura
O Concello de Lugo lanzou este martes a 'Alianza Lugo pola Lingua' para promover a defensa do galego dende o ámbito municipal, no transcurso dunha reunión á que asistiron representantes de preto de 70 entidades lucenses e no transcurso da cal foi presentado un decálogo de medidas para promocionar o uso da lingua galega.
O tenente de alcalde, Rubén Arroxo, e a concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, presidiron esta primeira reunión, impulsada desde a administración local e que contou coa participación de representantes de decenas de colectivos, asociacións e lucenses a título particular, todos relacionados co mundo da arte e da cultura.
O "PEOR MOMENTO" DO GALEGO
Durante a súa intervención, Maite Ferreiro dixo que "catorce anos despois do decreto antigalego do Partido Popular, a nosa lingua pasa polo seu peor momento", polo que hai que "comezar a traballar en reverter unha situación tan grave como a que temos neste momento".
De feito, a propia edila lembrou que a lingua galega atópase neste momento nunha situación moi complicada. Segundo os últimos datos publicados sobre o nivel de uso do idioma, "un de cada tres menores saben pouco ou nada de galego e só o 7% dos nenos e nenas entre 5 e 14 anos falan galego sempre".
"Cunha xeración educada integramente nesta norma, estamos a ver como as persoas máis novas están a perder a capacidade de utilizar a nosa lingua", lamentou Maite Ferreiro.