A candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade entra na recta final
O conselleiro de Cultura, José López Campos, anunciou en Fitur que Xunta xa lle remitiu a documentación definitiva ao Ministerio para que chegue ao Centro de Patrimonio Mundial de la Unesco, que ten que tomar a decisión no 2026
Lugo - Publicado el
3 min lectura
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, anunciou en Fitur que a Xunta xa fixo entrega da documentación definitiva da candidatura da 'Ribeira Sacra: Paisaxe da auga a Patrimonio Mundial'. Foi no transcurso da presentación da oferta turística da comarca, protagonizada polo Consorcio de Turismo Ribeira Sacra, no expositor da Xunta de Galicia na Feira Internacional de Turismo de Madrid.
“Galicia cumpriu rigorosamente cos trámites e cos tempos exixidos”, asegurou o conselleiro de Cultura. A Xunta xa lle enviou o expedente definitivo ao Ministerio de Cultura, xa que lle corresponde a este departamento do Goberno de España a presentación ante o Centro de Patrimonio Mundial, situado na capital francesa. “Así se fixo, tras a súa revisión, e antes do prazo máximo marcado, que era o 1 de febreiro”, aclarou López Campos.
“Trátase de pasos claves co obxecto de que agora toda esta documentación sexa revisada polos organismos avaliadores da Unesco”, precisou López Campos. Na mesma liña, asegurou que a Xunta afronta con “boas expectativas” esta recta final da candidatura, que cualificou de “madura, mellorada e ampliada”.
- A proposta presenta unha paisaxe construída co uso da auga “dun xeito novidoso que non está presente aínda de xeito suficiente na Lista de Patrimonio Mundial”, argumentou o máximo responsable de Cultura do goberno galego.
Boas sensacións durante todo o proceso
O conselleiro fixo mención as “boas sensacións” recollidas pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude durante todo este proceso. Tamén agradeceu a “total implicación e o compromiso” por parte dos equipos técnicos da área de Patrimonio, do Ministerio de Cultura e da Embaixada de España ante a Unesco.
Neste senso, insistiu en que o goberno galego ten o “convencemento de que a recompensa a todo este traballo conxunto está preto e que en 2026 todo o mundo recoñecerá o gran valor da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial da Unesco”.
No acto, ademais do conselleiro, tamén participaron a directora xeral de Patrimonio Cultural, Mª del Carmen Martínez; o presidente do Consorcio de Turismo Ribeira Sacra, Luis Fernández Guitián; e os presidentes das deputacións provinciais de Lugo e Ourense, José Tome e Luis Menor, respectivamente.
Seis atributos de Patrimonio Mundial
O conselleiro lembrou que a candidatura da 'Ribeira Sacra: Paisaxe da Auga' abrangue, entre as provincias de Lugo e Ourense, un territorio que posúe “un valor universal e excepcional”. Precisamente, a proposta céntrase en seis atributos especiais para deixar constancia do seu carácter único.
Un destes valores son os canóns e vales fluviais esculpidos pola auga e que achegan uns espectaculares trazos físicos que dan á paisaxe cultural un toque singular. En concreto, a candidatura fai fincapé nos meandros, no encaixe no territorio e na paisaxe dos ríos Miño e Sil, nas topografías abruptas, na rede hidrográfica ou nos cursos da auga, entre outros.
A candidatura tamén trata de poñer en valor unha estrutura territorial singular marcada polo sinal da auga, que se reflicten nas particulares formas de ocupación do espazo fluvial e tamén na organización en diferentes parroquias.
Por outra banda, a proposta dá un espazo relevante ao patrimonio hidráulico, con infraestruturas que teñen chegado aos nosos días dende a revolución tecnolóxica medieval ata irrupción da hidroelectricidade.
Ademais, tamén se fai referencia á permanencia dos sistemas tradicionais de cultivo nas vertentes dos canóns fluviais, outro dos elementos fundamentais da candidatura. Destaca as terrazas e socalcos, escenarios dunha forma de viticultura extrema en pendente, que ten merecido o cualificativo de ‘heroica’.
Outros dos atributos resaltados na proposta afecta á pegada eremítica e monástica e o papel relevante neste territorio dos mosteiros ou as igrexas.
Por último, a candidatura ten ao seu favor a carta do capital biocultural e do patrimonio inmaterial, como son as tradicións, a sacralización de fontes ou minas, a toponimia ou os mitos e lendas vencelladas á auga.