a idade media dos seus habitantes supera os 50 anos
Diagnóstico sobre a situación demográfica de Lugo: cada ano somos menos e máis vellos
Os últimos datos coñecidos do Instituto Nacional de Estadística -relativos ao 2023- indican que a provincia de Lugo é a terceira máis envellecida de toda España
Lugo - Publicado el
3 min lectura
O diagnóstico sobre a situación demográfica da provincia de Lugo é máis ben sinxelo: cada ano somos menos e máis vellos. Esa deriva é moi evidente na zona rural, onde o envellecemento da poboación é un dos principales problemas do territorio e a causa más clara da paulatina morte das nosas aldeas.
Lamentablemente, ao igual que a enfermidade e as súas causas están máis ou menos acotadas, aínda non demos co posible remedio, se é que existe a curto prazo. O mal exténdese e, polo menos de momento, só a chegada de xente de fóra, parece actuar como un tratamento paliativo. En todo caso, prolonga a agonía, pero non é capaz de devolverlle, polo menos de momento, a vida plena ás poboacións rurais da nosa provincia.
- De feito, os últimos datos coñecidos do Instituto Nacional de Estadística -relativos ao 2023- indican que a provincia de Lugo é a terceira máis envellecida de toda España. A idade media dos seus habitantes supera os cincuenta anos.
concellos cunha idade media superior a 60 anos
En concellos como Navia de Suarna, Pedrafita ou Cervantes, na Montaña de Lugo, esa media de idade supera os sesenta anos.
Noutros 34 concellos, dos 67 que ten a nosa provincia, os menores de 20 anos non representan nin o 10% da poboación total. Certamente a situación é alarmante.
O municipio máis envellecido é Navia de Suarna, cunha media de idade de case 62 anos. O máis novo, Burela, onde a media de idade supera por pouco os corenta e cinco.
Curso para fixar poboación no rural
O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, xunto ao xornalista e doutor en Socioloxía Manuel Campo Vidal, inaugurou este mércores no embarcadoiro de Ponte do Sil, en Monforte de Lemos, a xornada presencial do curso Especialista en Territorio Rural Intelixente. Trátase dunha medida, impulsada pola institución provincial, para tratar de revitalizar as aldeas da provincia.
De feito, esta segunda edición desa acción formativa, promovida pola institución provincial e impartida pola Cátedra de Despoboación e Reto Demográfico, ten como obxectivo proporcionar aos axentes económicos e sociais da provincia máis coñecementos e ferramentas para dinamizar o territorio e fixar poboación.
Durante a inauguración, José Tomé subliñou a importancia da colaboración da Deputación de Lugo cos concellos como estratexia fronte ao reto demográfico, resaltando que esta iniciativa “serve como exemplo do que se está a lograr no rural”. Ao seu xuizo, poderíamos avanzar significativamente máis “se todas as administracións asumisen as súas competencias” e desenvolvesen políticas públicas que promovan “a plena igualdade e o equilibrio territorial”.
“Dende a Deputación vimos colaborando cos concellos do rural para esixir que nestes se presten os servizos públicos coa mesma calidade e universalidade que se fai nas cidades. Porque os dereitos constitucionais dos cidadáns non poden variar ou diminuír en función do lugar de residencia”, afirmou Tomé Roca.
Lembrou que nos últimos vinte anos na provincia de Lugo “moitos concellos do rural viron marchar entre un 30% e un 50% das mulleres”. Uns datos, destacou, que reafirman a idea de que “ningún avance no rural será posible sen aplicar o sentido común da socioloxía, que nos di que a xente non quere vivir onde non hai servizos públicos”.