ESTARÁ SITUADA NO BARRIO DE ABELLA

Lugo cede ao Ministerio do Interior os terreos para a nova comisaría

Anunciouno por sorpresa a alcaldesa, a socialista Paula Alvarellos, ao final do pleno extraordinario que solicitara o Partido Popular para esixir máis celeridade na tramitación desta actuación

Baruk Domínguez

Lugo - Publicado el

2 min lectura

A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, anunciou este mércores durante o transcurso do pleno extraordinario solicitado polo Partido Popular que os terreos necesarios para a construción da nova Comisaría de Policía Nacional en Abella xa están ao dispor do Ministerio do Interior.

"Trátase dunha mala noticia para vostedes, pero supón unha gran noticia para todas e todos os lucenses", asegurou a rexedora, quen afeou a actitude de "boicot" mantida en relación a este asunto pola oposición, da que opina que "tentou desviar o foco e distorsionar a realidade sobre este asunto co ánimo de desprestixiar os logros do goberno local".

Así, a alcaldesa informou de que na Xunta de Goberno Local celebrada xusto antes da sesión plenaria aprobouse a cesión dos terreos acordados coa Dirección Xeral da Policía Nacional e coa Delegación do Goberno de España en Galicia nos múltiples encontros celebrados ao longo dos últimos meses. 

Ditos encontros chegaron á súa culminación na reunión mantida con ambas as institucións o pasado 9 de outubro na casa do Concello de Lugo, na que o responsable da área de Infraestruturas Policiais e a arquitecta da Sección Norte do Servizo de Arquitectura da Policía Nacional confirmaron a "idoneidade dos terreos ofertados polo Concello, que contan coa edificabilidade necesaria para o proxecto que se quere levar a cabo".

2.500 metros cadrados

Deste xeito, aprobouse a transmisión con cambio de titularidade de dúas parcelas, unha de 2.117 metros cadrados, sita no número un1 da Rúa Orquídea, e outra de 483 metros de superficie situada no número dous da Rúa Aquilino Iglesias Alvariño, situada fronte á anterior e destinada a prestar servizos complementarios da actividade que se desenvolverá na nova sede da Policía Nacional en Lugo

Ambos os terreos, valorados en 1.005.399 euros, pasarán así a titularidade da Administración Xeral do Estado para a súa afectación permanente ao Ministerio do Interior para ser destinadas á construción da nova comisaría.

CANDIA: "LOGRAMOS o OBXECTIVO"

Pola súa banda, a voceira da oposición, a popular Elena Candia, quixo facer unha valoración positiva do logrado, moi a pesar do "esperpento" que supuxo o anuncio da alcaldesa por sorpresa ao final da sesión plenaria.

"Hoxe, co pleno extraordinario, demos un paso e conseguimos que o goberno local reaccione. A convocatoria desta sesión cumpriu o obxectivo", sinalou Candia.

Temas relacionados