Máis pasos elevados en Lugo: o Concello inicia as obras noutros catro puntos da cidade
O goberno local anunciou obras na Rolda das Fontiñas e nas rúas Mazaira, Curros Enríquez e Afonso X o Sabio
Lugo - Publicado el
1 min lectura
O tenente de alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, anunciou que nos vindeiros días comezarán os traballos para habilitar catro novos pasos elevados en diferentes puntos da cidade, dentro da iniciativa do goberno municipal para “calmar o tráfico” no casco urbano.
Os novos pasos elevados estarán na Rolda das Fontiñas e nas rúas Mazaira, Curros Enríquez e Afonso X o Sabio, para continuar “co traballo feito noutros barrios e distintas zonas da cidade, como entornos escolares e puntos conflitivos”, dixo Arroxo.
O tenente de alcalde defendeu esta iniciativa, porque implica incrementar a seguridade dos peóns, “xa que se reduce notablemente a velocidade dos vehículos e garántese unha plataforma física a distinto nivel ca o resto da calzada. En todos os casos, dispoñeranse sinais para avisar ao tráfico dun paso peonil elevado”.
calmado do tráfico
No caso da Ronda das Fontiñas 29, disporase un paso de peóns elevado na ubicación do paso existente; mentres que nas rúas Mazaira 12, Curros Enríquez 11 e Alfonso X o Sabio (que foi rematado nos últimos días), haberá un paso de peóns elevado en todo o ancho da calzada.
Rubén Arroxo destacou "a importancia das actuacións de calmado de tráfico, que viñemos executando nas zonas escolares, e que agora expandimos a novas zonas da cidade".
O tenente de alcalde e concelleiro de Mobilidade e Infraestruturas sinalou que "buscamos un tráfico calmado, aumentando a seguridade da veciñanza de toda a cidade".