comezan as patronais

Un San Froilán de todos e para todos: todo listo en Lugo para a “Gran Festa do outono en Galicia”

O Concello presentou un programa con 200 actividades -máis de cen son actuacións musicais-, entre as que figuran os concertos de Paula Matheus, Coque Malla e Milladoiro

José Luis Ramudo

Lugo - Publicado el - Actualizado

3 min lectura

Este fin de semana, o sábado, abren as barracas e as tradicionais casetas do polbo no recinto feiral das patronais de San Froilán, aínda que o programa oficial da “Gran festa do outono galego” vai dende o 4 ata o 12 de outubro, con máis de 200 actividades programadas, das cales arredor dun cento son actuacións musicais, cunha forte presenza de bandas e artistas galegos.

O programa oficial das festas foi presentado polo tenente de alcalde da cidade, Rubén Arroxo, xunto coa concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, e a deputada de Cultura, Patrimonio Histórico Artístico e Normalización Lingüística, Iria Castro.

A concelleira Maite Ferreiro destacou que “todas as veciñas e veciños de Lugo atoparán unha actividade do seu gusto" no programa das festas, no cal "as agrupacións locais terán o protagonismo nos concertos e nas actividades de rúa, con máis de 50 grupos de Lugo durante os 9 días de festas e concertos de primeiro nivel".

Asimesmo, confirmou que o San Froilán contará con actividades tradicionais, como o desfile do traxes tradicionais -que este ano celebra a súa 52 edición-, ou o desfile do gando polas rúas da cidade, que terá lugar na xornada inaugural das patronais, o 4 de outubro, a partir das 18 horas.

importante peso da cultura tradicional galega

Ferreiro destacou que a cultura tradicional galega conta, como cada ano, cun "importante peso" na programación das festas.

Ramudo

El ferial de San Froilán abarrotado de gente

"Como administración, é o noso deber traballar na conservación e promoción dos nosos elementos culturais máis relevantes", de xeito que o programa contempla actividades xa consolidadas como o XXII Festival de Música Tradicional de Cántigas e Frores, a Verbena Galega D'antes ou a XXVI Mostra de Música Tradicional Galega do Domingo das Mozas, organizada pola Asociación de Gaiteiros Galegos.

As familias contarán con 15 actividades de calidade, que se celebrarán tanto na carpa do aparcadoiro do Seminario como nas rúas de Lugo, dentro do San Froilán Miúdo", precisou a concelleira.

concertos

En total, o programa conta con 50 concertos en escenarios e preto de 90 actividades de rúa, con pasarrúas, espectáculos itinerantes, maxia, humor e animación nos barrios, ademais de 20 actividades deportivas ao longo de todo o mes de outubro.

Ferreiro anunciou tamén os tres grandes últimos concertos que pecharán o San Froilán, os días 11 e 12 de outubro. Trátase de Coque Malla (11 de outubro, 22:00, no Seminario), Paula Matheus (12 de outubro, 21:00h , na Praza de Santa María) e Milladoiro, que celebra o seu 45 aniversario en Lugo, o 12 de outubro, ás 22:00 horas, na praza Horta do Seminario.

A deputada Iria Castro destacou que a colaboración co San Froilán responde ao compromiso da Vicepresidencia da Deputación coas festas e celebracións populares como parte do noso patrimonio cultural.  "O San Froilán é unha festa da cidade, pero é unha festa das comarcas de Lugo e unha festa do todo o país, con 270 anos de historia, polo que o seu valor como manifestación cultural é indubidable”. 

críticas á xunta

Maite Ferreiro e Iria Castro criticaron a colaboración da Xunta de Galiza nas festas do San Froilán. A deputada de Cultura lembrou que, mentres que a Deputación de Lugo achega 150.000 euros ás festas, a colaboración da Xunta continúa a ser de 25.000 euros, "unha cantidade irrisoria para as festas máis importantes de Lugo", afirmou Iria Castro.

A concelleira de Cultura, Maite Ferreiro, afirmou que "este ano investíronse máis de 2 millóns de euros no Son do Camiño e para o San Froilán só se aporta o 0,86% desta cantidade".

Ferreiro afirmou que "ano tras ano reclamamos á Xunta maior investimento no San Froilán e sempre nos atopamos con excusas de mal pagador, para non dar un apoio institucional á altura do San Froilán".

Pola súa parte, o Partido Popular acusou ao BNG de facer campaña co San Froilán contra a Xunta, cando dispón de máis dun millón de euros para contratar concertos. “Sabemos pola liquidación da Conta Xeral o total do que gastaron nas patroanais de 2023, que ascendeu a 1.167.620,24 euros", precisou o concelleiro Javier Vázquez

Temas relacionados