Campaña para protexer o patrimonio de Galicia: “Que siga contando a nosa historia”

A Xunta de Galicia apela á cidadanía para concienciar da importancia de coidar de bens de inmenso valor

Mosteiro de Santa María de Oia

Redacción COPE Galicia

Galicia - Publicado el - Actualizado

3 min lectura

Que teñen que ver o mosteiro de Santa María de Ois, a Cova de Eirós de Triacastela ou o campamento romano de Ciadella? Estes ben culturais son algúns dos protagonistas da nova campaña da Xunta para concienciar á cidadanía da importancia de coidar o patrimonio.

Desde o goberno galego elixiron seis lugares dos que podemos gozar os galegos, de distintos estilos, épocas e zonas. A campaña, titulada 'Que siga contando a nosa historia', apela á responsabilidade de todos no coidado colectivo das riquezas de Galicia.

Garantir os bens ás xeracións futuras

Trátase, segundo indican, de “reivindicar o inmenso valor que ten na configuración da nosa historia e identidade para as xeracións actuais e futuras” co obxectivo de “impulsar o coñecemento sobre estes bens e incentivar as boas prácticas e iniciativas de preservación que permitan que un dos maiores tesouros de Galicia sexa legado ás xeracións vindeiras nas mellores condicións”.

Entre os bens escollidos na campaña 'Que siga contando a nosa historia' inclúese algún con máis de 400 séculos de historia. En concreto, difunde imaxes do mosteiro de Santa María de Oia e a catedral de Santa María de Tui, en Pontevedra; o convento de Santo Antonio de Herbón, en Padrón (A Coruña); e o santuario das Ermidas no Bolo (Ourense). De igual xeito, tamén se difunde a relevancia para o noso patrimonio da Cova de Eirós, en Triacastela (Lugo) e do campamento romano de Ciadella, en Sobrado dos Monxes (A Coruña).

Campamento da Ciadella

Campamento da Ciadella

Deste xeito, o departamento que dirixe o conselleiro José López Campos procura trasladarlle á cidadanía un recordatorio dos anos e séculos que levan estes elementos entre nós axudando a construír a identidade de Galicia como pobo. Ao poñelos en valor, a campaña fai un chamamento á responsabilidade colectiva para impulsar a sensibilización e evitar comportamentos incívicos que, aínda que son illados, poden danar o noso patrimonio cultural, que conta en total con 781 Bens de Interese Cultural (BIC), así como milleiros de bens catalogados.

Continuidade á campaña Por outros tantos máis

Coa campaña Que siga contando a nosa historia tamén se quere trasladar aos galegos e ás galegas que a conservación do patrimonio é unha tarefa compartida que require tamén dun esforzo conxunto da sociedade.

Catedral de Tui

Catedral de Tui

Precisamente, esta campaña dá continuidade á Por outros tantos máis, que se puxo en marcha por estas datas o pasado ano, difundindo o valor e protección de bens como a Catedral de Santiago de Compostela, o Santuario de Santo Andrés de Teixido en Cedeira, a Muralla romana de Lugo ou o Mosteiro de San Pedro de Rocas en Esgos. Aparecen tamén o Castro de Viladonga en Castro Rei, os petróglifos do Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro, os Muíños do Folón e do Picón no Rosal ou a Igrexa da Veracruz no Carballiño.

Estas campañas encádranse no esforzo feito ao longo dos últimos anos para protexer, poñer en valor en divulgar o noso legado artístico e cultural como un símbolo de orgullo, identidade e riqueza para o país. Consecuentemente, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude mantén unha política decidida a favor da salvagarda dun dos recursos con maior valor histórico, cultural, e turístico de Galicia a través plans estratéxicos como o Plan Catedrais, o Plan de actuacións arqueolóxicas, o Plan de BIC do Camiño de Santiago ou o Plan Ribeira Sacra, así como diversos plans directores para bens concretos.

Temas relacionados

Programas

LO MÁS ESCUCHADO

Último boletín

13:00H | 24 NOV 2024 | BOLETÍN