Todos contra o lume en Lugo
O Concello incorporará a cinco brigadistas para facer traballos de prevención e loita contra o lume durante o período estival
Lugo - Publicado el - Actualizado
1 min lectura
O Concello de Lugo incorporará cinco brigadistas para combater os incendios forestais durante este verán. Esa unidade temporal quedará composta por un xefe de Brigada, un conductor e tres peóns forestais. A concelleira de Cohesión Social e Territorial, Ana González Abelleira, destaca a importancia destas labores de prevención, e sinala que "debemos evitar unha das grandes lacras de cada verán, os incendios forestais. Este esforzo conxunto é esencial para garantir a seguridade e o benestar da nosa veciñanza."
As persoas que compoñen esa brigada realizarán labores de prevención durante os próximos tres meses, co obxectivo de reducir o risco de incendios nas 54 parroquias que compoñen a área rural do concello de Lugo.
González Abelleira resaltou que "coa incorporación desta brigada dotámonos de efectivos propios para poder atender os nosos montes coa debida axilidade en caso de declararse algún lume, pero tamén de maneira responsable traballando para que estes non cheguen a producirse, mantendo a raia o crecemento da vexetación e diminuíndo os niveis de perigo."
CONTORNA DOS NÚCLEOS RURAIS
Prestarase especial atención ás contornas dos núcleos rurais, nas que a brigada de loita contra o lume do Concello de Lugo levará a cabo labores de limpeza, co obxectivo de preservar a súa seguridade. Eses traballos servirán tamén para garantir a conservación de especies que teñen un especial valor ambiental e para limitar o crecemento da maleza, factor de risco na propagación dos lumes nas épocas secas.
A concelleira apelou á responsabilidade da cidadanía, subliñando que "o éxito na prevención dos incendios estará na combinación entre os traballos da brigada e a colaboración activa da veciñanza. É fundamental que todos actuemos con precaución e respectemos as normas de seguridade para protexer o noso patrimonio natural".