Queremos Galego! prepara en Lugo a mobilización pola lingua do 23 de febreiro
A plataforma está a organizar plenos comarcais en toda a comunidade para perfilar a convocatoria deste gran acto social que se celebrará o Día de Rosalía en Santiago de Compostela
Lugo - Publicado el - Actualizado
1 min lectura
A plataforma Queremos Galego! organizou este mércores unha reunión en Lugo para apoiar a mobilización polo galego do 23 de febreiro, Día de Rosalía, que sairá da Alameda de Santiago de Compostela cara á Praza do Obradoiro.
Esta xuntanza contou coa presenza de cargos políticos nos gobernos de distintas institucións, representantes de diversas entidades, voceiros de asociacións e persoas a título individual.
Tamén estiveron convidados mestres responsables de dinamización linguistica dos centros escolares, que teñen "un papel fundamental á hora de transmitir os valores do idioma ás crianzas".
No que respecta á comarca da Mariña, haberá unha convocatoria similar este venres, 24 de xaneiro, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura Manuel María de Foz.
AMOR POLA LINGUA
Queremos Galego! realizará numerosos eventos relacionados coa lingua para visibilizar a súa importancia e animar a todas as persoas a usar o idioma do país.
A plataforma está conformada por entidades de diferentes ámbitos e por persoas a título individual, que nace da vontade de articular unha ampla resposta colectiva a prol da lingua propia do noso pobo, o galego; de defensa e afirmación dos usos públicos e dereitos lingüísticos xa garantidos pola actual lexislación; e de progresiva normalización naqueles espazos onde o idioma de noso non goza aínda da presenza desexada.