#17M

Un californiano con gheada

Julian ensina inglés nun instituto do Grove e está orgulloso de falar e aprender galego

00:00

Entrevista con Julian, un californiano no Grove

José Jardón

Pontevedra - Publicado el - Actualizado

1 min lectura

Hai algo máis dun ano Julian, un rapaz californiano de orixe filipina e estudante de español nos Estados Unidos, chegou a unha terra estraña e cunha lingua que non coñecía moi ben mais que soaba semellante ao castelán.

Este mestre axudante de inglés no centro de secundaria de As Bizocas do Grove logo se decatou da necesidade de falar unha lingua que escoitaba entre os seus alumnos e tamén entre os docentes para se integrar con maior facilidade na súa nova casa.

Julian contábanos en COPE que estudou durante algúns meses portugués do Brasil no seu país o que lle axudou a aprender a nosa lingua con maior rapidez e tamén para adquirir unha maior fluidez.

Preguntado polos seus motivos para aprender galego, Julian teno claro: “Desde a miña perspectiva a pregunta sería, por que no me había interesar. É a lingua que escoito no centro, na rúa, etc.” Unha lingua do pobo que incorpora rasgos dialectais propios do Salnés e doutras zonas mariñeiras como é a gheada. Julian úsaa, algo do que se sente orgulloso xa que todas as formas de pronunciar unha lingua son válidas e dignas de respecto: “para min como estranxeiro non teño prexuízos, a gheada é unha forma máis de falar, tan válida coma outras”

Neste sentido os seus alumnos, cos que fala habitualmente en inglés, comentábanlle nun inicio ao oílo falar en galego que eles crían que estaba tentando falar castelán e non na nosa lingua. Para el, aprender o galego é actuar como “antropólogho” dunha cultura que ama e da que está apaixoado.

Julian pasará un ano máis no instituto do Grove e logo voltará ao seu país. Voltará coa sensación de “ter vivido unha experiencia única” nunha terra que o acolleu como un galego máis.

Escucha en directo

Directo

COPE PONTEVEDRA

Programas

Último boletín

18:00H | 08 OCT 2024 | BOLETÍN